miércoles, 25 de junio de 2014

AGASALLANDO A BELÉN GUIMERÁNS

E xa como remate da danza, quixemos agasallar a Belén Guimeráns para agradecerlle a súa colaboración en todo este proceso que iniciamos no mes de outubro.

Escollimos o libro, Terras e Mares do Morrazo, e asinouno todo o alumnado de 1º, para que lle quede unha mostra do noso afecto.

Cando rematou a danza, as delegadas de 1ºA, Antía e 1ºB, Uxía, subiron ao escenario a entregarllo a Belén.  Estaban acompañadas polos seus titores, Ana e Pedro.  

Belén agradeceu o agasallo dicindo que estaba moi emocionada porque quedaba asegurada a continuidade da danza, porque xa había relevo xeracional.

MOITOS BICOS E MOITAS GRACIAS, Belén.


FESTIVAL FIN DE CURSO

POR FIN, CHEGOU O DÍA PARA O QUE TANTO TRABALLAMOS!!

O pasado venres, 20 de xuño, o alumnado de 1º ESO bailou a danza de Darbo no Festival de Fin de Curso 2013-14.  Fíxerono en dous grupos, 1ºA e 1ºB, co alumnado que voluntariamente quixo facelo.  Moitas rapazas tiveron que bailar no lugar dos homes.  

Foron guiados polo profesor de Educación Física e titor de 1ºB, Pedro.  Observados coidadosamente por Belén Guimeráns que foi convidada para a ocasión.

Conseguiron bailar cos gorros que elaboraran na aula de Educación Plástica e Visual.  Pensamos que non o conseguirían, pero velaí están as probas.


miércoles, 18 de junio de 2014

ESTAMOS A ENSAIAR A DANZA DE DARBO!!

Xa está a piques de rematar o curso!!!

Ademais de facer os gorros, de rematar os traballos e de facer exames, ensaiamos a danza de Darbo, para bailala no Festival de Fin de Curso, o vindeiro venres.  Xa melloramos un montón, gracias a paciencia de Pedro, profesor de Educación Física.


XA TEMOS FEITOS OS GORROS DA DANZA DE DARBO!

Despois da obradoiro que fixemos con Belén Guimeráns, puxémonos máns á obra.  Coa profesora de Plástica, Seila, cada un de nós fixo o seu gorro.  Aquí vos deixamos unha selección de fotos do proceso, nas dúas aulas de 1º.  Traballamos arreo!!!


jueves, 12 de junio de 2014

OS DE 1ºB TAMÉN OPINAN. Artigo para a revista do centro "A Ghaivota".




Este curso o alumnado de 1º ESO traballamos no Proxecto Interdisciplinar coas danzas tradicionais de Cangas.

Fixemos 5 grupos de traballo na aula.  Todos pensamos que é mellor  que traballar individualmete, aínda que ás veces non avanzamos porque non todos os compañeiros querían colaborar.  Ademais moitas veces os ordenadores non funcionaban ou fallaba a conexión e non podíamos continuar!  Este foi o principal problema.

Ao principio a maioría do alumnado escoitara falar destas danzas, pero a que máis coñecían era a de Darbo  (terá algo que ver que sexa a nosa parroquia…)  Tamén levamos unhas enquisas a casa para que a nosa familia opinase.

Comezamos buscando información sobre as tres danzas  (Hío, Aldán e Darbo) na rede nas páxinas que nos facilitaron os profes, na aula virtual do centro e no blog que fixemos para esta actividade  (danzas tradicionais de Cangas)

Tamén fixemos traballo de campo:  unha “xira” por todas as parroquias para coñecer “in situ” o lugar onde se bailan, o vestiario dos danzantes, porque na danza do Hío non hai damas, as datas nas que se bailan, a que santo están adicadas… En cada parroquia  entrevistamos a un representante das danzas que contestaron as nosas dúbidas  (Belén Guimeráns, Eduardo Otero, Pepe Martínez).  Acompañáronos Xaquín, que nos contou un pouco da historia de cada parroquia; Ana, que nos falou das especies vexetais e animais; o noso titor, Pedro, e Begoña, a orientadora, cos que traballamos todo ano neste proxecto.  Aproveitamos para darlles as grazas pola súa axuda.

Outra das actividades que máis nos gustou foi aprender a bailar a danza de Darbo  (en realidade, só unha parte porque é moi longa).  O primeiro día Belén Guimeráns  (a responsable da danza) e a nosa profe de galego, Lúa, (que bailou durante varios anos) e Ana ensináronos a música e os pasos principais e despois seguimos practicando con Pedro nas clases de Educación Física.  A nosa intención é bailala no festival de final de curso.  A ver como nos sae!

Estes últimos días volveu Belén para ensinarnos como se fan os gorros que levan as damas, que na danza de Darbo son de flores naturais.  Agora na clase de Plástica, Seila vainos axudar a facer os nosos propios gorros.  Parece fácil pero…

A pesar de todos os problemas e dificultades, gustounos facer este proxecto.  Agora coñecemos moitas máis cousas sobre as tres danzas e sabemos que podemos sentirnos orgullosos delas.


Animámosvos a que entredes no blog e disfrutedes!

Este artigo foi escrito polo alumnado de 1ºB, baixo a coordinación da profesora de Lingua Galega, Lúa Camaño.

domingo, 8 de junio de 2014

O QUE O ALUMNADO DE 1ºA VALORA DO TRABALLO DESENVOLVIDO. Artigo para a revista do centro "A Ghaivota"


As alumnas e alumnos de 1º de ESO do IES Monte Carrasco fixemos un proxecto sobre as Danzas tradicionais de Cangas. Este proxecto comezou a principios de curso e rematará a finais deste terceiro trimestre.
Ao comezar co proxecto, Begoña, a orientadora, explicounos en que ía consistir e creou un blog no que podiamos atopar información sobre estas danzas e tamén podiamos publicar os nosos traballos.
Cada integrante do grupo tiña unha función dentro da actividade: buscar a orixe das danzas, como foron evolucionando, as parroquias onde se baila, a música, coreografía, vestimenta dos danzantes, etc.
O día 8 de abril realizamos unha saída didáctica para visitar in situ as parroquias onde se executan estas danzas: Hío, Aldán e Darbo. En cada parroquia unha persoa responsable das diferentes danzas foinos explicando detalles máis concretos sobre as parroquias e as danzas. Na parroquia de Aldán coñecemos a Pepe Martínez, na de Hío a Eduardo Otero e na de Darbo a Belén Guimeráns. Despois da explicación de cada un deles, Xaquín, o profesor de Sociais, explicounos a historia e delimitacións das diferentes parroquias.

Danza de Aldán:
A Danza de San Sebastián ou Danza de Aldán, ten lugar cada 20 de xaneiro, coincidindo coa festividade deste santo. A danza execútase no adro da igrexa de Aldán e, ás veces, volve repetirse no mesmo día noutro lugar da parroquia.
Dez galáns e cinco damas bailan acompañados dunha gaita e dun tamboril. Os galáns bailan con castañolas, levan un traxe e un sombreiro negros. As damas levan longan saias brancas, numerosos broches e o famoso sombreiro de flores.  A vestimenta das mulleres dificulta un pouco a danza.

Danza do Hío:
A Danza de San Roque,  Danza do Hío ou Danza dos Peregrinos ten lugar cada 16 de agosto, despois dos oficios relixiosos. O Cruceiro de Hío é o escenario no que se interpreta a tradicional danza.
Os danzantes repártense en tes filas paralelas, as dos extremos son ocupadas por galáns e na do medio sitúanse  cinco nenos. O paso de todos estes danzantes é marcado por un guía -a persoa de maior idade. Estes danzantes van acompañados pola música da gaita, do tambor e das castañolas, que levan os homes.
Os galáns levan camisa e pantalón brancos, chaqueta azul a xogo co sombreiro de feltro colorado e gravata verde. As damas (nenos) levan un vestido longo de veludo verde e engurrado no van. Polos ombreiros levan unha capa de veludo vermello.

Danza de Darbo:
A Danza de Darbo celébrase cada 8 de setembro, a continuación dos oficios relixiosos da mañá e da procesión. A tradicional danza e contradanza báilase diante da imaxe da Virxe, no adro da igrexa parroquial de Santa María de Darbo.
Pola tarde, ten lugar un segundo acto litúrxico e repítese a correspondente danza e contradanza cunha duración de corenta e cinco minutos.
O baile está considerado como unha das pezas máis antigas de Galicia, herdada e transmitida durante séculos. Data do século XVI e bailábase en honra á Virxe para agradecer os favores recibidos durante o ano.
Executan esta danza en dúas filas de homes e unha de mulleres no centro. Cada fila consta de cinco danzantes.
A vestimenta cambiou moito ao longo dos anos mais, actualmente, os galáns levan un traxe escuro con camisa branca e sombreiro de feltro. A persoa que guía a danza diferénciase porque leva no sombreiro unha gran pluma. As damas visten con enaguas de cor branca con puntillas, saia tamén branca,  un mandil negro bordado, camisa branca coas mangas anchas e engurradas. Cubrindo a camisa levan un pano de caxemir cruzado e atado atrás. Levan grandes sombreiros de palla e flores naturais.

A investigación sobre estas danzas serviunos para aprender un pouquiño máis sobre a cultura da nosa vila. Ademais aprendemos a bailar a danza de Darbo nas clases de Educación Física.
O que máis nos gustou foi a saída: visitar as parroquias e, sobre todo, aprender a bailar a danza.
Un dos maiores atrancos sufrímolo coas novas tecnoloxías: Internet, ás veces, non podiamos navegar pola rede tan rápido como desexabamos ou simplemente non había conexión.
En xeral foi unha experiencia moi bonita e aprendemos moito.

Este artigo foi redactado polo alumnado de 1ºA, coordinados pola profesora de Lingua Galega, Beatriz Martínez.


viernes, 6 de junio de 2014

COMPLEMENTOS DA DANZA DE DARBO

No obradoiro de confección de gorros da Danza de Darbo, Belén Guimeráns, tamén nos trouxo unha mostra dos complementos que usan as mulleres que bailan:

.- O cachemir, mantón de 4 puntas que levan as mulleres sobre os ombreiros e cruzado atrás.  O guía da danza usa o mesmo mantón como banda.
.- Os sapos, colgantes dourados.  Cada muller leva 1.
.- Os colares.  Belén trouxo un que se fixo nun obradoiro de Barcelona seguindo os modelos tradicionais con azabache e coral.
.- A saia branca con moitas puntillas.  Confeccionouse seguindo os modelos tradicionais.

Tamén nos trouxo dúas fotos antiguas, dos anos 60, onde se pode observar os traxes que se utilizaban e que serviron de modelo para o atuendo que se usa hoxe na Danza.



APRENDEMOS A CONFECCIONAR OS GORROS DA DANZA DE DARBO

Onte, xoves 5 de maio, iniciamos o obradoiro de confección de gorros da Danza de Darbo. Invitamos de novo a Belén Guimeráns, presidenta da Asociación Danza de Darbo, a que nos ensinase como se confeccionan os gorros que locen as mulleres na Danza de Darbo.  E coma sempre acudíu encantada.

Estivo primeiro na aula de 1ºB, onde confeccionou un gorro con flor artificial e cunha base dun gorro que non é o que se emprega habitualmente.  Porque este será o modelo que empregaremos para que cada alumno confeccione o seu, para abatar o custo da actividade, xa que o gorro tradicional é moi caro e a flor natural faría moi perecedeiro o producto final. A nosa intención é que cada alumno confeccione un gorro e o leve para casa cando remate o curso.

En 1ºA, confeccionou o gorro sobre o tradicional e con flor natural para que quedase unha mostra do como realmente é e se fai.

A profesora de Educación Plástica e Visual estivo moi atenta a todo o proceso, pois será ela a que guie ao alumnado na confección de cadanseu gorro.