domingo, 8 de junio de 2014

O QUE O ALUMNADO DE 1ºA VALORA DO TRABALLO DESENVOLVIDO. Artigo para a revista do centro "A Ghaivota"


As alumnas e alumnos de 1º de ESO do IES Monte Carrasco fixemos un proxecto sobre as Danzas tradicionais de Cangas. Este proxecto comezou a principios de curso e rematará a finais deste terceiro trimestre.
Ao comezar co proxecto, Begoña, a orientadora, explicounos en que ía consistir e creou un blog no que podiamos atopar información sobre estas danzas e tamén podiamos publicar os nosos traballos.
Cada integrante do grupo tiña unha función dentro da actividade: buscar a orixe das danzas, como foron evolucionando, as parroquias onde se baila, a música, coreografía, vestimenta dos danzantes, etc.
O día 8 de abril realizamos unha saída didáctica para visitar in situ as parroquias onde se executan estas danzas: Hío, Aldán e Darbo. En cada parroquia unha persoa responsable das diferentes danzas foinos explicando detalles máis concretos sobre as parroquias e as danzas. Na parroquia de Aldán coñecemos a Pepe Martínez, na de Hío a Eduardo Otero e na de Darbo a Belén Guimeráns. Despois da explicación de cada un deles, Xaquín, o profesor de Sociais, explicounos a historia e delimitacións das diferentes parroquias.

Danza de Aldán:
A Danza de San Sebastián ou Danza de Aldán, ten lugar cada 20 de xaneiro, coincidindo coa festividade deste santo. A danza execútase no adro da igrexa de Aldán e, ás veces, volve repetirse no mesmo día noutro lugar da parroquia.
Dez galáns e cinco damas bailan acompañados dunha gaita e dun tamboril. Os galáns bailan con castañolas, levan un traxe e un sombreiro negros. As damas levan longan saias brancas, numerosos broches e o famoso sombreiro de flores.  A vestimenta das mulleres dificulta un pouco a danza.

Danza do Hío:
A Danza de San Roque,  Danza do Hío ou Danza dos Peregrinos ten lugar cada 16 de agosto, despois dos oficios relixiosos. O Cruceiro de Hío é o escenario no que se interpreta a tradicional danza.
Os danzantes repártense en tes filas paralelas, as dos extremos son ocupadas por galáns e na do medio sitúanse  cinco nenos. O paso de todos estes danzantes é marcado por un guía -a persoa de maior idade. Estes danzantes van acompañados pola música da gaita, do tambor e das castañolas, que levan os homes.
Os galáns levan camisa e pantalón brancos, chaqueta azul a xogo co sombreiro de feltro colorado e gravata verde. As damas (nenos) levan un vestido longo de veludo verde e engurrado no van. Polos ombreiros levan unha capa de veludo vermello.

Danza de Darbo:
A Danza de Darbo celébrase cada 8 de setembro, a continuación dos oficios relixiosos da mañá e da procesión. A tradicional danza e contradanza báilase diante da imaxe da Virxe, no adro da igrexa parroquial de Santa María de Darbo.
Pola tarde, ten lugar un segundo acto litúrxico e repítese a correspondente danza e contradanza cunha duración de corenta e cinco minutos.
O baile está considerado como unha das pezas máis antigas de Galicia, herdada e transmitida durante séculos. Data do século XVI e bailábase en honra á Virxe para agradecer os favores recibidos durante o ano.
Executan esta danza en dúas filas de homes e unha de mulleres no centro. Cada fila consta de cinco danzantes.
A vestimenta cambiou moito ao longo dos anos mais, actualmente, os galáns levan un traxe escuro con camisa branca e sombreiro de feltro. A persoa que guía a danza diferénciase porque leva no sombreiro unha gran pluma. As damas visten con enaguas de cor branca con puntillas, saia tamén branca,  un mandil negro bordado, camisa branca coas mangas anchas e engurradas. Cubrindo a camisa levan un pano de caxemir cruzado e atado atrás. Levan grandes sombreiros de palla e flores naturais.

A investigación sobre estas danzas serviunos para aprender un pouquiño máis sobre a cultura da nosa vila. Ademais aprendemos a bailar a danza de Darbo nas clases de Educación Física.
O que máis nos gustou foi a saída: visitar as parroquias e, sobre todo, aprender a bailar a danza.
Un dos maiores atrancos sufrímolo coas novas tecnoloxías: Internet, ás veces, non podiamos navegar pola rede tan rápido como desexabamos ou simplemente non había conexión.
En xeral foi unha experiencia moi bonita e aprendemos moito.

Este artigo foi redactado polo alumnado de 1ºA, coordinados pola profesora de Lingua Galega, Beatriz Martínez.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.