jueves, 12 de junio de 2014

OS DE 1ºB TAMÉN OPINAN. Artigo para a revista do centro "A Ghaivota".




Este curso o alumnado de 1º ESO traballamos no Proxecto Interdisciplinar coas danzas tradicionais de Cangas.

Fixemos 5 grupos de traballo na aula.  Todos pensamos que é mellor  que traballar individualmete, aínda que ás veces non avanzamos porque non todos os compañeiros querían colaborar.  Ademais moitas veces os ordenadores non funcionaban ou fallaba a conexión e non podíamos continuar!  Este foi o principal problema.

Ao principio a maioría do alumnado escoitara falar destas danzas, pero a que máis coñecían era a de Darbo  (terá algo que ver que sexa a nosa parroquia…)  Tamén levamos unhas enquisas a casa para que a nosa familia opinase.

Comezamos buscando información sobre as tres danzas  (Hío, Aldán e Darbo) na rede nas páxinas que nos facilitaron os profes, na aula virtual do centro e no blog que fixemos para esta actividade  (danzas tradicionais de Cangas)

Tamén fixemos traballo de campo:  unha “xira” por todas as parroquias para coñecer “in situ” o lugar onde se bailan, o vestiario dos danzantes, porque na danza do Hío non hai damas, as datas nas que se bailan, a que santo están adicadas… En cada parroquia  entrevistamos a un representante das danzas que contestaron as nosas dúbidas  (Belén Guimeráns, Eduardo Otero, Pepe Martínez).  Acompañáronos Xaquín, que nos contou un pouco da historia de cada parroquia; Ana, que nos falou das especies vexetais e animais; o noso titor, Pedro, e Begoña, a orientadora, cos que traballamos todo ano neste proxecto.  Aproveitamos para darlles as grazas pola súa axuda.

Outra das actividades que máis nos gustou foi aprender a bailar a danza de Darbo  (en realidade, só unha parte porque é moi longa).  O primeiro día Belén Guimeráns  (a responsable da danza) e a nosa profe de galego, Lúa, (que bailou durante varios anos) e Ana ensináronos a música e os pasos principais e despois seguimos practicando con Pedro nas clases de Educación Física.  A nosa intención é bailala no festival de final de curso.  A ver como nos sae!

Estes últimos días volveu Belén para ensinarnos como se fan os gorros que levan as damas, que na danza de Darbo son de flores naturais.  Agora na clase de Plástica, Seila vainos axudar a facer os nosos propios gorros.  Parece fácil pero…

A pesar de todos os problemas e dificultades, gustounos facer este proxecto.  Agora coñecemos moitas máis cousas sobre as tres danzas e sabemos que podemos sentirnos orgullosos delas.


Animámosvos a que entredes no blog e disfrutedes!

Este artigo foi escrito polo alumnado de 1ºB, baixo a coordinación da profesora de Lingua Galega, Lúa Camaño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.